Oleiros prepara a convocatoria para acceder a 19 novos pisos protexidos na Rabadeira

ACoruñaXa
O Concello abrirá proximamente na súa web o prazo de inscrición para estas vivendas de 2 e 3 dormitorios, que se sumarán ás 148 xa en construción en Perillo, Xaz e Mera
OLEIROS praza rabadeira
1 Apr 2026

O Concello de Oleiros dará proximamente un novo paso na súa estratexia de impulso á vivenda protexida coa apertura do prazo para solicitar un dos 19 pisos que se promoverán no centro do municipio, concretamente na praza da Rabadeira.

Estas novas vivendas, de 2 e 3 habitacións, sairán á venda cos prezos oficiais fixados pola Xunta de Galicia. A inscrición realizarase a través da páxina web municipal e, segundo avanza o goberno local, terán prioridade as persoas empadroadas en Oleiros. No caso de que queden prazas vacantes, tamén poderán acceder solicitantes doutros concellos.

A promoción sumarase ás 148 vivendas protexidas que xa están actualmente en construción en Perillo, Xaz e Mera, dentro dun modelo baseado na creación de cooperativas. O executivo municipal subliña que o solo no que se levantarán estes 19 novos pisos foi obtido de maneira gratuíta grazas á xestión urbanística desenvolvida polo Concello.

Desde o goberno local destacan que esta política permite favorecer un crecemento ordenado e sostible do territorio. Ao mesmo tempo, sosteñen que serve para facilitar o acceso a vivendas con prezos por debaixo do mercado ás familias do municipio e para xerar recursos cos que reforzar servizos públicos e acometer novas actuacións.

O Concello enmarca esta iniciativa nun contexto de forte dificultade para acceder á vivenda, un problema que, segundo sinala, non afecta só a Oleiros, senón ao conxunto do Estado. Fóra de moitos municipios rurais con menor demanda, mercar ou alugar un inmoble nas cidades e nas áreas urbanas españolas resulta inasumible para unha ampla parte das familias con ingresos medios.

A administración local lembra ademais que, malia non ter competencias directas en materia de vivenda, esta corresponde á Xunta e ao Estado, a súa política urbanística permitiu promover desde 1.992 un total de 1.171 pisos protexidos. A esa cifra engadiranse agora os 19 da praza da Rabadeira, cos que Oleiros quere seguir ampliando a súa oferta de vivenda accesible.

0.12195897102356