Oleiros premia ás persoas máis lectoras das bibliotecas municipais nun acto en As Torres

O Teatro As Torres de Santa Cruz acolleu a entrega de premios ás persoas máis lectoras das bibliotecas municipais de Oleiros, un recoñecemento co que o Concello quere visibilizar e impulsar o hábito lector entre a veciñanza. Os galardóns consisten en tarxetas regalo de distintos importes, segundo o 1º, 2º e 3º premio, válidas para a compra de libros e tamén de materiais informáticos, audiográficos ou videográficos.
Nesta edición establecéronse catro categorías por idades e outorgáronse tres premios en cada unha. Na categoría 1 (menores de 6 anos) os premios foron para Olivia e Noemí Sexto Pardo (1º), Inés Fraga Miragaya (2º) e Ana María Vázquez Lambrador (3º).
Na categoría 2 (de 6 a 10 anos) resultaron recoñecidos Leo García Formoso (1º), Naila Rodríguez Valcuende (2º) e Alba Pol López (3º). No apartado xuvenil, correspondente á categoría 3 (de 11 a 17 anos), os premios recaeron en Elba París Jácome (1º), María Susana Barreiro Mantiñán (2º) e Nicolás Blanco Liquete (3º).
Na categoría de persoas adultas (maiores de 18 anos), as distincións foron para Isabel Martínez Ozón (1º), Rafael Jácome Salgado (2º) e María Julia López Ameijeiras (3º).
O acto pechouse cunha proposta escénica pensada para o público familiar, coa actuación de Dani Blanco e o seu espectáculo ‘Circo na biblioteca’. O Concello de Oleiros avanzou que continuará promovendo programas culturais nas bibliotecas e noutras instalacións municipais para reforzar a lectura, especialmente entre as crianzas, como base dunha sociedade máis culta e libre.