Oleiros pon en marcha bailes para maiores nas Casas do Pobo

O Concello de Oleiros comeza un programa de bailes para persoas maiores que se celebrarán os sábados, de forma rotatoria e alterna, nas distintas Casas do Pobo. A primeira cita será o sábado 25 de outubro, na Casa do Pobo de Montrove, con actuación do solista Martín Carrión e horario de 17.00 a 20.00.
A actividade está dirixida ás persoas maiores de 65 anos do municipio e conta con acceso libre e gratuíto, sen necesidade de inscrición previa. O obxectivo é ampliar as opcións de lecer, fomentar a convivencia e combater a soidade, creando espazos seguros de encontro social.
A iniciativa inscríbese nas políticas municipais de envellecemento activo, que promoven accións socioculturais e de benestar para a poboación maior nas Casas do Pobo e centros municipais, reforzando a participación e a vida comunitaria.