Oleiros pide á Xunta a cesión urxente do Porto de Santa Cruz

ACoruñaXa
Denuncian que os innumerables temporais marítimos dos últimos meses causaron numerosos incidentes e roturas da estrutura e cimentos do paseo que deben ser tratados con urxencia
Imaxe do Porto de Santa Cruz en Oleiros
16 Abr 2024

O Concello de Oleiros vén de solicitar á Xunta de Galicia a cesión urxente do Porto de Santa Cruz, debido ao deterioro paulatino e constante do recinto causado polos múltiples temporais e á inacción da Xunta e do Ministerio a realizar as melloras necesarias relativas á rexeneración da praia; o Concello urxe á Xunta de Galicia a cesión do peirao.

“É urxente e necesario que a Xunta de Galicia ceda a Oleiros a concesión do Porto de Santa Cruz outorgada por Costas do Estado”, manifestou o alcalde.

Dende o Concello, denuncian que a negativa do Ministerio a realizar as necesarias melloras na contorna do porto e praia de Santa Cruz, rexenerándoa e traendo a area xa desaparecida entre a pasarela de acceso ao castelo e o dique do porto; está a ser un gran problema para a estrutura do peirao e do paseo marítimo.

A causa da desaparición da area da praia de Santa Cruz xunto cos innumerables temporais marítimos dos últimos meses causaron numerosos incidentes e roturas da estrutura e cimentos do paseo que deben ser tratados con urxencia.

O porto de Santa Cruz non ten ningunha actividade como tal senón que ficou como unha prolongación do paseo marítimo e como unha zona de lecer para a veciñanza polo que non ten sentido algún que o peirao estea en mans da Xunta.

“Espero que coa designación dos novos conselleiros/as se poida abordar en breve prazo a petición do Concello, para poder esixir ao Ministerio as melloras necesarias para a praia, xa que son milleiros de persoas as que gozan a diario do paseo e da localidade de Santa Cruz”, apuntou Ángel García Seoane.

 

0.089959859848022