Oleiros organiza unha visita guiada á Fundación Barrié para coñecer a mostra do Barroco veneciano

ACoruñaXa
A excursión será o xoves 27 de xuño en horario de tarde
Imaxe da casa do Concello de Oleiros
19 Xuño 2024

O Concello de Oleiros organiza unha visita guiada á Fundación Barrié para coñecer a mostra 'Deuses e heroes do Barroco veneciano. De Tintoretto a Luca Giordano e Sebastiano Ricci'. Esta será o xoves 27 de xuño en horario de tarde.

A exposición 'Deuses e heroes do Barroco veneciano. De Tintoretto a Luca Giordano e Sebastiano Ricci' é unha viaxe de descubrimento da mitoloxía, os heroes e os deuses que protagonizaron as narrativas de artistas que, cun extraordinario talento creativo e unha inspiración exuberante, foron capaces de transmitir a poética barroca no ronsel da tradición pictórica veneciana. As 52 obras (34 pinturas e 18 libros datados entre os séculos XVI e XVIII) que compoñen a mostra forman parte da colección da Fundación Querini Stampalia.

Con esta exposición, a Fundación Barrié busca traer a Galicia unha colección que exemplifica a relación entre o mecenado privado e o desenvolvemento urbano. Venecia, unha das cidades máis importantes no imaxinario cultural do mundo, foi non só a destinataria do coleccionismo dos Querini, senón tamén o propio motivo de fondo que conduce as iniciativas desta familia, que se atopaba entre as orixinarias no momento da fundación da cidade-Estado e participou activamente nos eventos políticos, artísticos e económicos da urbe ao longo de toda a súa historia.

As persoas interesadas en participar poderán apuntarse a través da sede electrónica a partir de hoxe, mércores 18 de xuño, desde as 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. As prazas ocuparanse por rigorosa orde de solicitude.

0.18282699584961