Oleiros organiza unha visita guiada á exposición 'Tattoo. Arte baixo a pel' en Santiago

ACoruñaXa
A exposición reúne 240 obras históricas e contemporáneas procedentes de 18 países do mundo
tatuaxe
11 Mar 2025

O vindeiro 22 de marzo en horario de mañá, o Concello de Oleiros organiza unha visita guiada á exposición 'Tattoo. Arte baixo a pel' no Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela. A mostra segue a tatuadores e persoas tatuadas a través de épocas e continentes para explorar as confluencias que converteron a tatuaxe nunha forma de expresión artística e nun fenómeno global.

Producida polo musée du quai Branly – Jacques Chirac, a exposición reúne 240 obras históricas e contemporáneas procedentes de 18 países do mundo, entre pinturas, debuxos, libros, modelos en silicona tatuados, ferramentas para tatuar, máscaras, fotografías, selos e nove audiovisuais. Está comisariada por Anne Richard, destacada axente cultural da arte europea de vangarda e fundadora da influente revista "HEY! Modern Art & Pop Culture".

A mostra expón unha vintena de modelos de silicona de partes do corpo humano, que supoñen unha nova forma de conservar, estudar e apreciar a arte da tatuaxe. Tras ser exhibida en Francia, Estados Unidos, Rusia, Canadá e Taiwán, chega a Galicia da man da Fundación Cidade da Cultura en colaboración coa Fundación "la Caixa", convertida nunha das exposicións sobre tatuaxe máis completas e atractivas ata o momento, unha proposta imprescindible para comprender a pulsón que leva ao ser humano a marcar con tinta o seu corpo.

As inscricións abriranse o 12 de marzo ás 10.00 horas na sede electrónica, no ámbito de cultura, ou presencialmente na Fábrica, no departamento de Cultura, de 10.00 a 14.00 horas.

Ofértanse 50 prazas para maiores de idade e menores a partir de 10 anos acompañados/as dunha persoa adulta, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros. No caso de recibir máis solicitudes que prazas dispoñibles, a adxudicación realizarase por sorteo entre todas as solicitudes rexistradas entre o mércores 12 de marzo ás 10.00 horas e o xoves 13 ás 14.00 horas, na sede electrónica, no catálogo de trámites, ámbito de cultura. Para aquelas persoas que non poidan realizala por esta vía, poderase formalizar a inscrición na Fábrica en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas. A inscrición inclúe o desprazamento obrigatorio en autobús e a visita guiada no museo.

⚙ Configurar cookies
0.2528920173645