Oleiros organiza unha nova ruta a Rianxo dentro do programa Andares por Galicia

O Concello de Oleiros vén de anunciar unha nova saída dentro do programa "Andares por Galicia", que terá lugar o sábado 28 de xuño cun percorrido pola contorna natural e patrimonial de Rianxo. A ruta levará ás persoas participantes desde o Alto da Muralla e o río Té ata o centro da vila rianxeira, nun itinerario que combina paisaxe, historia e cultura.
A proposta inclúe a visita a puntos emblemáticos como o Miradoiro Monte da Muralla, con vistas privilexiadas ás rías de Arousa e Muros-Noia; as aldeas de Campelo, A Ermida e A Ferrería; muíños tradicionais como os de Quintáns, A Marquesa e Francuín; e paraxes naturais como o río Té, o pozo Bastón ou as áreas de lecer das Miráns e da Laxe.
Xa en Rianxo, a comitiva poderá desfrutar do paseo marítimo, onde se homenaxea a catro grandes autores locais –“Castelao, Manuel Antonio, Rafael Dieste e Brea Segade”–, así como do Castelo da Lúa, a ría de Arousa, o Porto de Setefogas e o casco vello da vila. A xornada culminará cunha visita guiada á Casa Museo de Manuel Antonio, figura destacada do modernismo galego.
Segundo explican desde o Concello, este programa ten como obxectivo “descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural”. Ademais, busca fomentar a convivencia, a socialización e os hábitos de lecer saudables no medio natural.
A ruta contará con tres guías especializados/as e ofrece 40 prazas dispoñibles. O prezo da actividade é de 23 euros.
As persoas interesadas poderán realizar a preinscrición a partir do luns 16 de maio ás 10.00 horas a través da Sede Electrónica do Concello de Oleiros (apartado catálogo de trámites/cultura). Para aquelas persoas que non poidan facelo por vía telemática, tamén estará dispoñible a opción presencial na Fábrica en horario de 10.00 a 14.00 horas.