Oleiros organiza os Campaescola 2025 para favorecer a conciliación das familias

ACoruñaXa
Os campamentos están dirixidos a nenas e nenos de entre 3 e 11 anos e contan con 30 prazas
obradoiro-nenos-recurso
18 Mar 2025

O Concello de Oleiros pon en marcha os Campaescola 2025, unha iniciativa destinada a facilitar a conciliación das familias durante os días 14, 15 e 16 de abril. Os campamentos están dirixidos a nenas e nenos de entre 3 e 11 anos e desenvolveranse en horario de 9.00 a 14.00 horas na Finca Tenreiro, en Nós.

Os Campaescola 2025 ofrecen unha experiencia de aprendizaxe lúdica en contacto coa natureza, con actividades dinámicas e educativas que fomentan a autonomía persoal e a adquisición de hábitos saudables. Entre as actividades previstas destacan pequenas excursións, obradoiros ao aire libre, horta ecolóxica, xogos tradicionais e animación.

O programa conta cun total de 30 prazas, divididas en dous grupos de idade: Campaescola para crianzas de 3 a 6 anos e Campaescola para nenas e nenos de 7 a 11 anos. O prezo da inscrición é de 19 euros.

O prazo de preinscrición estará aberto entre o 17 e o 23 de marzo e deberá realizarse a través da Sede Electrónica municipal. No caso de que o número de solicitudes supere o das prazas dispoñibles en cada grupo, realizarase un sorteo o 24 de marzo ás 11.30 horas na Fábrica, tendo preferencia as familias empadroadas en Oleiros.

Unha vez asignadas as prazas, o prazo para formalizar a inscrición será do 25 de marzo ao 4 de abril. Ademais, o día 10 de abril ás 20.00 horas celebrarase unha reunión informativa no auditorio do Centro Cultural A Fábrica para resolver todas as dúbidas sobre o programa.

 

 

⚙ Configurar cookies
0.10590100288391