Oleiros organiza o programa deportivo Móvete+ para pacientes de oncoloxía
O Concello de Oleiros impulsa o programa Móvete+, unha actividade física que busca contribuír a mellorar a calidade de vida das mulleres que están nalgún proceso oncolóxico ou que xa o pasaron.
Esta actividade está dirixida a reducir os efectos secundarios dos tratamentos recibidos e que poderían cronificarse: fatiga, sufocos, trastornos do sono, alteracións na concentración e a memoria etc. Ao tempo, tamén busca incrementar e mellorar a autoestima das participantes, o seu benestar emocional, a súa sexualidade e as súas relacións sociais, así como tecer unha rede de coidados sobre a que apoiarse e afrontar as dificultades do día a día.
O programa está dirixido a mulleres empadroadas no Concello de Oleiros que están nalgún proceso oncolóxico ou que xa o pasaron.
As sesións celebraranse os venres na Pista Polideportiva cuberta de Meixonfrío (Santa Cruz) e terán 1,5 horas de duración. Existen dous grupos, en atención ao horario: un de 10.30-12.00 horas e outro de 12.00 a 13.30 horas.
Para participar no programa, calquera persoa interesada pode dirixirse ao seu Centro de Saúde e falar co/a médico/a de referencia ou ben cos Servizos Sociais do Concello de Oleiros, onde se lle indicará como acceder ao mesmo. A ficha de inscrición deberase presentar por rexistro.