Oleiros, no mapa dos novos positivos de gripe aviaria en Galicia

Oleiros figura entre os concellos galegos nos que a Xunta confirmou novos casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (H5N1) en aves silvestres. Segundo informou a Consellería do Medio Rural, os servizos veterinarios comunicaron ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección de catro exemplares afectados, coa confirmación analítica do Laboratorio Central de Veterinaria de Algete.
No caso da provincia da Coruña, os positivos corresponden a tres gaivotas patiamarelas atopadas nos municipios de Ribeira, Ares e Oleiros. As aves foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, onde se lles tomou mostra para a análise e, posteriormente, os cadáveres foron eliminados conforme a normativa vixente.
A Consellería do Medio Rural subliña que, polo momento, en Galicia non se rexistrou ningún caso en aves de curral, polo que lanza unha mensaxe de tranquilidade, aínda que pide manter a precaución. Con estes últimos achados, xa son 22 os focos confirmados en aves silvestres na comunidade ao longo de 2025.
A Xunta lembra tamén que seguen en vigor en toda España as medidas preventivas activadas polo Ministerio de Agricultura desde o 13 de novembro, orientadas a evitar o contacto directo ou indirecto entre aves domésticas e aves silvestres.
En clave local, o departamento autonómico recomenda á cidadanía de Oleiros e do resto da comarca non manipular aves enfermas ou mortas e avisar de inmediato aos servizos oficiais. No caso de fauna silvestre, a comunicación pode realizarse a través do teléfono 012.