Oleiros leva aos colexios e institutos obradoiros contra a violencia machista polo 25N

ACoruñaXa
O Concello impulsa puntos violeta nos recreos e sesións específicas en primaria e ESO para promover a igualdade e previr as violencias desde idades temperás
OLEIROS punto violeta
14 Nov 2025

O Concello de Oleiros está a desenvolver nestas semanas un amplo programa de actividades nos centros de ensino público con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Trátase de accións que se enmarcan nun traballo continuado ao longo de todo o curso coa comunidade educativa, co obxectivo de afondar na educación en igualdade e previr as violencias machistas desde as primeiras etapas.

Esta mañá arrancaron no CEIP Luísa Seoane os obradoiros Punto Violeta, que se estenderán ao resto de colexios do municipio. Ademais da instalación dun Punto Violeta no recreo (un espazo atendido por profesionais especializadas no que alumnado e profesorado poden informarse, participar en xogos de sensibilización e ampliar coñecementos sobre os distintos tipos de violencia machista, o consentimento e os recursos existentes), impártense sesións en aula dirixidas este ano ao alumnado de 3º de primaria.

Nestes obradoiros trabállanse cuestións como o respecto, os coidados, os límites persoais, o consentimento e a detección temperá das violencias mediante dinámicas participativas como o semáforo corporal, a caixa dos toques ou diversas actividades centradas no bo trato. A finalidade é que nenas e nenos aprendan a identificar situacións que lles fan sentir mal, a dicir 'non', a pedir axuda e a recoñecer persoas adultas de referencia ás que acudir.

En paralelo, o programa 'Repensando as masculinidades', destinado ao alumnado de 4º da ESO, continúa o seu desenvolvemento nos institutos municipais tras comezar no mes de outubro. Esta iniciativa, estruturada en tres sesións por grupo, convida a analizar de maneira crítica os mandatos tradicionais asociados á masculinidade, fomentar valores de coidado, corresponsabilidade e empatía e previr discursos e condutas machistas presentes tanto no ámbito escolar como nas redes sociais e outros contornos dixitais.

Os encontros configuran un espazo seguro de diálogo no que o alumnado pode compartir experiencias, revisar referentes culturais, identificar sinais de alerta e construír modelos de relación máis igualitarios, libres e respectuosos.

Co impulso destes obradoiros, o Concello de Oleiros reafirma o seu compromiso coa construción dun municipio libre de violencias machistas e coa creación de espazos educativos que garantan o respecto, a igualdade e a liberdade da infancia e da mocidade.

⚙ Configurar cookies
0.072545051574707