Oleiros lanza cintas métricas co lema “A distancia márcoa eu” para previr agresións en festas

ACoruñaXa
Unha iniciativa no marco da celebración das festas de San Antón en Dexo coa instalación de Puntos Violeta
oleiros-violeta
12 Jun 2025

O Concello de Oleiros reforzará a súa aposta pola seguridade e o respecto durante as festas de San Antón en Dexo coa instalación de Puntos Violeta nas noites do venres 13 e sábado 14 de xuño, en horario de 23.00 a 03-00 horas. Esta medida busca previr e actuar fronte ás violencias sexuais, LGTBIfóbicas e outras formas de violencia machista que poidan xurdir durante o ocio nocturno.

Como novidade nesta edición, repartiranse cintas métricas co lema “A distancia márcoa eu”, un recurso simbólico e visual co que se pretende lembrar que o respecto aos límites persoais é esencial para garantir festas seguras, libres de agresións e baseadas no consentimento. A iniciativa enmárcase dentro da campaña municipal “Non faltes á festa, pero de festa non faltes”, que busca sensibilizar á veciñanza e dotar de ferramentas para a detección e resposta fronte ás violencias nos espazos de lecer.

Os Puntos Violeta estarán atendidos por profesionais especializados, encargados de ofrecer apoio, atención psicolóxica e acompañamento en caso de que se produza algún tipo de agresión. Contan cun protocolo de actuación específico que se activa en coordinación directa coas forzas de seguridade e os servizos sanitarios. Ademais da atención directa, estes espazos tamén terán funcións de sensibilización, facilitando materiais informativos e divulgativos adaptados a todas as idades, así como información sobre os recursos municipais dispoñibles en materia de igualdade.

Con esta acción, o Concello de Oleiros reafirma o seu compromiso por seguir traballando activamente pola erradicación das violencias machistas e pola creación de contornos festivos seguros, inclusivos e libres de discriminación.

⚙ Configurar cookies
0.1619279384613