Oleiros investirá 2,4 millóns na renovación integral das rúas de Cavamontes, en Perillo

O Concello de Oleiros investirá arredor de 2,4 millóns de euros na renovación integral das rúas do ámbito de Cavamontes, na localidade de Perillo. A actuación, que será financiada con fondos EDIL, sairá a licitación nas próximas semanas e permitirá transformar completamente esta contorna urbana.
As obras afectarán ás rúas Kenya, Pombal, Somalia, Etiopía, Nelson Mandela, Angola, Mauritania e á rúa Nova, cun proxecto que busca crear máis espazos peonís, mellorar as zonas verdes e reordenar o tráfico. Segundo explicou o goberno municipal, a intervención pretende adaptar esta área aos actuais estándares de mobilidade e calidade urbana.
Entre as medidas previstas destaca a ampliación das beirarrúas para favorecer o tránsito peonil e aumentar a seguridade dos desprazamentos a pé. Tamén se reorganizará a circulación mediante a implantación de sentidos únicos nas vías, unha medida que permitirá optimizar o espazo dispoñible e ampliar as prazas de estacionamento.
O proxecto inclúe ademais a renovación completa dos pavimentos, a modernización da iluminación pública e a mellora ambiental da zona coa ampliación e renovación dos espazos verdes.
Esta primeira fase da actuación, cun investimento superior aos dous millóns de euros, forma parte dun plan máis amplo que contempla nunha segunda etapa a reforma integral do mercado municipal de Perillo e a mellora de toda a súa contorna.
Antes do inicio das obras, o Concello convocará unha asemblea informativa dirixida á veciñanza das rúas afectadas e ás persoas propietarias de negocios e establecementos da zona para explicar con detalle o proxecto e resolver dúbidas sobre a intervención.