Oleiros instalará Puntos Violeta durante as festas do Mar de Mera

Con motivo da celebración esta fin de semana das festas do Mar de Mera, o Concello de Oleiros instalará Puntos Violeta durante as noites do venres 18 e sábado 19 de xullo, en horario de 23:00 a 03:00 horas, co obxectivo de continuar implicándose activamente na prevención e na resposta fronte a posibles situacións de violencia sexual, LGTBIfobia ou calquera outra manifestación de violencia machista, como vén facendo ata o de agora.
Os Puntos Violeta concíbense como espazos de referencia, atención e apoio psicolóxico, atendidos por un equipo especializado de profesionais na materia. Estes puntos dispoñen dun Protocolo de Actuación en colaboración directa coas Forzas e Corpos de Seguridade e cos Servizos Sanitarios, garantindo unha resposta rápida e coordinada ante calquera incidencia.
Ademais de ofrecer asistencia directa, os Puntos Violeta cumpren unha función de sensibilización aberta a toda a cidadanía, poñendo á disposición material informativo e divulgativo sobre os recursos e servizos municipais existentes, así como promovendo actividades de concienciación adaptadas a diferentes idades.