Oleiros insta á Xunta a acelerar a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 sen atender ás trabas de Cambre

O Concello de Oleiros reclamou á Xunta de Galicia que axilice de maneira inmediata os trámites para completar a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 desde a N-VI, sen atender ás presións do Concello de Cambre, que busca modificar o proxecto inicial. A obra, paralizada por un defecto formal no expediente, debe desbloquearse canto antes para evitar máis atrasos, segundo defende o Goberno municipal.
“O remate da Vía Ártabra ten que ser un obxectivo inmediato e ineludible para a Xunta. Non pode perder máis tempo e debe axilizar os trámites para contratar a execución das obras que permitan conectar a Ártabra coa AP-9 na Gándara”, afirmou o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.
Segundo a recente enquisa municipal realizada polo Concello de Oleiros, esta actuación conta cun amplo respaldo social. O 94 % dos 3.000 veciños e veciñas participantes consideran que a conexión da Vía Ártabra coa autoestrada é urxente e prioritaria para mellorar a mobilidade na comarca.
A finalización deste tramo viario permitiría desconxestionar puntos críticos como a ponte da Pasaxe e a Costa da Tapia, ademais de mellorar a comunicación entre importantes polígonos comerciais e residenciais da área metropolitana da Coruña.
Desde o Concello de Oleiros insisten na necesidade de evitar máis atrasos e lembran que esta infraestrutura é clave para optimizar a rede viaria e mellorar a calidade de vida da cidadanía.