Oleiros inicia a renovación da tubaxe xeral da Costa da Tapia para mellorar o abastecemento de auga

O Concello de Oleiros porá en marcha nestas semanas unha das actuacións máis relevantes na súa rede de abastecemento: a renovación da tubaxe xeral de condución de auga na zona da Costa da Tapia. Trátase dunha infraestrutura clave que dá servizo a todo o municipio oleirense e tamén a determinadas áreas do limítrofe Concello de Cambre, e que será substituída co obxectivo de reforzar a calidade e a continuidade do subministro.
Segundo explica o consistorio, Oleiros dispón dunha ampla rede de distribución, na que destacan tres conducións principais: a que discorre pola Ponte da Pasaxe, a da Ponte do Burgo e a que chega desde o Concello de Bergondo a través do bombeo. Precisamente na Costa da Tapia viñan rexistrándose problemas de consideración que, en distintas ocasións, complicaron o abastecemento, afectando especialmente a zonas de San Pedro de Nós e tamén a varias rúas de Cambre.
A obra conta cun orzamento de 320.000 euros e acumula un atraso duns seis meses na súa execución, motivado pola falta da autorización de Patrimonio. Para coordinar as intervencións e prever as posibles afeccións, a alcaldesa de Cambre e o concelleiro delegado de Obras Públicas de Oleiros mantiveron xa unha reunión de traballo.
Ademais, desde a empresa municipal AquaOleiros enviouse unha comunicación ás veciñas e veciños da avenida das Mariñas, no tramo comprendido aproximadamente entre a antiga fábrica de pensos Biona e o pazo das Cadeas. No escrito infórmase de que, debido ao incremento da presión na rede, será necesario que as vivendas que aínda non conten cun redutor de presión o instalen nun prazo de 25 días.
O Concello de Oleiros lembra que estas melloras forman parte dun plan continuo de mantemento e renovación das infraestruturas. Neste momento tamén se están executando obras simultáneas na rede xeral en Montrove e en Oleiros (Lamastelle), así como a instalación dunha nova condución de auga na avenida Salvador Allende, en Nós.