Oleiros impulsa nos institutos un obradoiro para ‘repensar as masculinidades’ e promover relacións máis igualitarias

ACoruñaXa
A iniciativa, integrada no programa do 25N, chega a 4º da ESO con tres sesións por grupo nos IES Neira Vilas, María Casares e Miraflores, e prevé acadar arredor de 279 estudantes
OLEIROS nuevas masculinidades
22 Oct 2025

O Concello de Oleiros está a impartir nos centros de secundaria o obradoiro ‘Repensando as masculinidades’, unha proposta formativa e participativa dirixida ao alumnado de 4º da ESO. O itinerario, estruturado en tres sesións para cada grupo, busca favorecer unha reflexión crítica sobre os mandatos e estereotipos asociados á masculinidade tradicional e avanzar cara a relacións máis igualitarias e respectuosas.

O programa arrancou no IES Neira Vilas, continuará no María Casares e pechará no IES Miraflores no mes de decembro, cunha previsión de participación que rolda as 279 mozas e mozos. Enmárcase nas accións municipais con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e procura fomentar valores de coidado, empatía e corresponsabilidade, así como previr condutas e discursos que reproducen desigualdades e violencias machistas.

A metodoloxía é activa e vivencial: o alumnado analiza como os roles de xénero condicionan as relacións e a liberdade persoal, revisa privilexios e representacións culturais —das redes sociais ao cine ou aos videoxogos— e constrúe de forma colectiva modelos de convivencia máis igualitarios, diversos e saudables.

Con esta iniciativa, o Concello reafirma o compromiso coa educación en igualdade como ferramenta de prevención e transformación social, contribuíndo á formación dunha mocidade crítica, consciente e implicada na construción dun municipio libre de violencias machistas.

⚙ Configurar cookies
0.068892002105713