Oleiros impulsa en Xaz 94 novos pisos protexidos e avanza cara aos 146 fogares de prezo público

ACoruñaXa
O inicio das obras da cooperativa de Dorneda reforza a aposta municipal pola vivenda accesible, mentres o Concello prepara xa tres novas parcelas para sumar outros 34 inmobles en Rabadeira e Mera
OLEIROS vivendas xaz
13 Mar 2026

A política de vivenda pública de Oleiros dá un novo paso co inicio das obras de 94 pisos protexidos en Xaz, na parroquia de Dorneda, dentro dun plan máis amplo co que o Concello prevé promover un total de 146 vivendas. As tres promocións actualmente en marcha parten dunha estratexia municipal baseada na venda de solo de titularidade pública a prezos inferiores aos do mercado, co obxectivo de reducir o custo final dos inmobles e facilitar o acceso á vivenda.

No acto de comezo das obras, o alcalde, Ángel García Seoane, reivindicou a traxectoria de Oleiros nesta materia e destacou que o municipio leva promovidas xa 1.171 vivendas de prezo público. O rexedor defendeu que este avance é o resultado dunha 'política seria' e dunha planificación urbanística sostida no tempo, que permitiu ao Concello dispoñer de solo para impulsar promocións deste tipo sen recorrer a grandes investimentos directos para a súa adquisición.

Segundo explicou, a totalidade dos terreos da urbanización de Xaz era inicialmente de propiedade privada, pero a través da xestión urbanística do Goberno municipal, o Concello pasou a ser propietario de 300.000 metros cadrados de solo. Nese ámbito inclúense os terreos destinados a esta promoción de vivendas protexidas, pero tamén outras parcelas reservadas para futuros equipamentos municipais, zonas verdes, o Bosque de Xaz ou o Castro de Xaz. Ademais, este desenvolvemento urbanístico permitiu acometer melloras como a construción de dous novos depósitos de auga, a ampliación da depuradora de Xubín e a obtención de ingresos pola venda do solo municipal correspondente ao campo de golf.

Na visita ao arranque da promoción participou tamén Javier Castro, da empresa Gestohogar, encargada de formar as cooperativas. O representante da firma salientou a eficacia do modelo impulsado en Oleiros e puxo en valor que esta actuación se levase a cabo sobre uns terreos que non supuxeron custo algún para a administración local, o que, ao seu xuízo, permitiu desenvolver vivenda social sen consumir recursos públicos na compra do solo.

Un dos aspectos que máis destaca o Concello é a diferenza de prezo entre esta promoción protexida e a oferta de vivenda libre da contorna. Xusto enfronte estanse a construír pisos que saen ao mercado por arredor de 400.000 euros, con prestacións semellantes e sen piscina comunitaria, un servizo co que si contarán os inmobles protexidos. No caso dos pisos promovidos polo Concello, o custo medio sitúase en 205.000 euros máis IVE, unha cantidade á que se suma unha subvención autonómica de 10.000 euros por vivenda. O prezo definitivo varía en función da superficie, de acordo cos parámetros fixados pola Xunta.

A aposta municipal pola vivenda protexida terá continuidade nos vindeiros meses. O Concello ten xa á venda mediante poxa pública tres novas parcelas, dúas situadas na praza da Rabadeira e outra en Mera, na rúa Eduardo Galeano. Unha vez remate o proceso de adxudicación e se completen os trámites necesarios, abrirase o prazo para que os veciños e veciñas interesados poidan inscribirse e optar á compra dun piso. Esta nova fase permitirá crear outros 34 inmobles protexidos, dos que 19 estarán en Oleiros e 15 en Mera.

0.11910700798035