Oleiros impulsa 94 novos pisos protexidos en Xaz e anuncia máis promocións no centro do municipio e en Mera

ACoruñaXa
As obras comezarán nos vindeiros días e súmanse aos 21 fogares xa en marcha en Perillo e ás 31 vivendas previstas en Mera, todas xa adxudicadas a través de cooperativas promovidas polo Concello
OLEIROS obras xaz
26 Jan 2026

O Concello de Oleiros prevé iniciar nos vinderos días a construción de 94 pisos protexidos en Xaz, unha promoción que se engade ás 21 vivendas de Perillo, cuxas obras arrancaron a finais do pasado ano, e ás 31 previstas en Mera para os próximos meses. Segundo a información municipal, as tres actuacións están xa adxudicadas e permitirán que un total de 146 familias accedan a unha vivenda mediante cooperativas impulsadas polo propio Concello.

A administración local explica que promoveu a constitución das tres cooperativas (Perillo, Xaz e Mera) a través da venda de solo municipal a prezos inferiores aos de mercado. O prezo medio final destas vivendas sitúase, segundo o Concello, en arredor de 205.000 euros máis IVE, unha cifra que contrapon aos importes que, afirman, se manexan no mercado libre para pisos similares.

No apartado de financiamento, o Concello informa de que se vén de resolver unha liña de subvencións autonómicas que asigna 1.080.000 euros ás cooperativas de Xaz e Perillo. Este apoio supón unha rebaixa aproximada de 10.000 euros no desembolso por cada piso. No caso da cooperativa de Mera, constituída con posterioridade, entraría na convocatoria de 2026.

O prezo de referencia destas vivendas estaba inicialmente nunha media de 215.000 euros, para pisos de tres dormitorios, dúas prazas de garaxe e, segundo o Concello, con máximas calidades construtivas. A contía definitiva varía en función da superficie, ao estar regulada polos parámetros da Xunta. A achega agora aprobada, engaden, reduce en 10.000 euros o custo de adquisición e negan que o prezo chegase a 300.000 euros, como sostiveron grupos da oposición.

De cara ás próximas semanas, o Concello avanzou que sacará á venda máis solo municipal por debaixo do prezo de mercado para novas vivendas protexidas: 19 no centro de Oleiros e 15 en Mera. Unha vez se adxudiquen, asegura que informará do proceso de inscrición para as persoas interesadas.

Á marxe destas cooperativas, no último desenvolvemento de Icaria prevese tamén a creación de 22 pisos en réxime de alugueiro protexido por iniciativa privada. O Concello defende que, nos novos ámbitos urbanísticos, se reservan espazos preferentes para a vivenda de protección.

⚙ Configurar cookies
0.077607154846191