Oleiros homenaxea a Rafael Astor Casalderrey cunha placa no parque Nirvana

Este venres 18 de xullo, ás 12:30 horas, o Concello de Oleiros celebrará un acto de homenaxe a Rafael Astor Casalderrey, enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos e fillo adoptivo do municipio, falecido no ano 2022.
A cita terá lugar no parque Nirvana, situado xunto á glorieta do Che Guevara, onde se descubrirá unha placa co seu nome que pasará a denominar este espazo público en recoñecemento á súa destacada traxectoria profesional e persoal vinculada a Oleiros.
Rafael Astor desenvolveu a maior parte da súa carreira como enxeñeiro municipal no propio concello, onde deixou unha fonda pegada mediante o deseño de redes de abastecemento e saneamento, así como na creación de novos viais, parques, prazas e paseos, sempre con respecto polo medio natural e o patrimonio histórico local. Pola súa dedicación, competencia e sensibilidade, Astor converteuse nun referente tanto no ámbito profesional coma no humano, motivo polo cal xa en 2020 o Concello de Oleiros lle concedera o título de fillo adoptivo.
O acto está organizado polo Concello de Oleiros en colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia. A programación comezará coa intervención de Enrique Urcola Fernández-Miranda, decano da Demarcación de Galicia do colexio profesional, que dará paso aos recordos e palabras de homenaxe por parte de Francisco Cobas Vázquez, arquitecto técnico, e Carlos Nárdiz Ortiz, enxeñeiro de Camiños.
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, será o encargado de pechar institucionalmente o acto, que rematará ás 13:15 horas co descubrimento da placa dedicada a Rafael Astor Casalderrey.