Oleiros finaliza as obras de mellora do colexio Luis Seoane de Mera
As obras de mellora no patio frontal e na pista deportiva do colexio Luis Seoane, financiadas polo Concello de Oleiros, están a piques de concluír. Só queda pendente a instalación de xogos de madeira realizados polos carpinteiros do CMF Isaac Díaz Pardo, que servirán para humanizar a zona de lecer e proporcionar un espazo de xogo e esparexemento aos nenos e nenas do centro.
As melloras, cun investimento total de 41.265,11 euros asumido polo Concello, inclúen a renovación completa do pavimento da pista frontal, substituíndoo por un novo de formigón bituminoso de 5 cm de espesor, e a renovación integral da pista deportiva, onde o pavimento esvaradío foi substituído por un sistema que garante maior adherencia e seguridade. Ademais, as liñas de marcaxe dos xogos serán pintadas coas medidas regulamentarias.
O alcalde destacou que, polo importe das obras, correspondería á Xunta de Galicia asumir o custo, xa que supera o mantemento básico. Non obstante, o Concello decidiu levar adiante as melloras, incluíndo propostas do equipo directivo para humanizar o patio, co fin de beneficiar ao alumnado.