Oleiros, finalista nos X Premios Nacionais de Cerámica polo seu compromiso coa tradición oleira

O Concello de Oleiros vén de ser nomeado finalista na décima edición dos Premios Nacionais de Cerámica, uns galardóns que recoñecen o labor de entidades e persoas en prol da promoción e conservación da cerámica en España.
A candidatura de Oleiros foi presentada na categoría C, destinada a premiar actividades de apoio á cerámica, e valorouse especialmente o papel que xogan o Museo dos Oleiros e a feira Alfaroleiros, que celebrou o ano pasado o seu 30 aniversario. Ambos proxectos son considerados piares fundamentais da identidade cultural do municipio e exemplos vivos do seu dinamismo artístico.
"A tradición oleira está no ADN de Oleiros. Estes espazos non só conservan e divulgan o patrimonio cerámico, senón que tamén atraen a milleiros de visitantes cada verán, dinamizando a vida cultural e económica de Santa Cruz", sinalan dende o goberno municipal.
Os premios serán entregados o vindeiro 31 de maio en Granada, nun acto organizado pola Asociación Española de Ciudades de la Cerámica. Desde o Concello manifestaron o seu orgullo por este recoñecemento e reiteraron o compromiso de continuar poñendo en valor a cerámica como parte esencial do seu legado e futuro cultural.
“Ser finalistas xa é un premio, porque supón que Oleiros é referente no mundo da cerámica a nivel estatal. Seguiremos traballando para que a nosa tradición continúe viva e conecte coas novas xeracións”, declarou un portavoz municipal.