Oleiros estrea o documental ‘Con outra ollada’ sobre o espazo natural Rosalía Mera, referente de biodiversidade urbana

ACoruñaXa
A proxección ao aire libre será este venres 26 de setembro ás 20.30 no propio parque de Dorneda e reivindica un modelo pioneiro de deseño sostible e integración da natureza na cidade
OLEIROS proyeccción con outra ollada
23 Sep 2025

O espazo natural Rosalía Mera, situado en Dorneda entre a rúa do Mar e a rúa da Poza, converterase este venres no escenario da estrea de ‘Con outra ollada’, un documental que pon en valor este enclave verde singular e xa consolidado como referente de biodiversidade urbana. A sesión celebrarase ao aire libre ás 20.30 horas e a entrada será libre ata completar aforo; se houbese choiva ou meteoroloxía adversa, o acto adiarase.

A peza audiovisual reconstrúe o proceso de creación do proxecto a través de imaxes e entrevistas con veciñanza, especialistas e o equipo técnico, subliñando o seu carácter colaborativo, social e ambiental. Un trazo diferencial é a súa implantación nun solo de titularidade privada e clasificación urbana, que a promotora decidiu destinar a uso público nun contexto de elevada presión urbanística. Na formulación e execución participaron Orza Paisajismo, o Grupo Naturalista Hábitat e a empresa de economía social Trébore Xardinaría, xunto con empresas locais, artesáns, artistas e o propio Concello de Oleiros. Como salientou Conchi Pérez, directora técnica de Trébore Xardinaría, este proxecto nace da responsabilidade e da vontade de minimizar o impacto sobre os ecosistemas.

O parque destaca pola súa configuración flexible e multifuncional, pensada para o lecer, o descanso e o encontro interxeracional, con espazos adaptados a diferentes idades e necesidades. Na estrea participarán membros do equipo técnico e representantes municipais, que compartirán a súa visión sobre un proxecto que redefine o concepto de espazo público urbano e promove unha nova relación entre urbanismo e natureza.

⚙ Configurar cookies
0.10019898414612