Oleiros espalla o Entroido por Iñás, Dorneda e Nós con festas infantís, desfiles e música en directo

Oleiros prepárase para o Entroido cun programa repartido entre tres parroquias, pensado para público familiar e coa tradición gastronómica como fío condutor. As primeiras celebracións serán o luns 16 de febreiro en Iñás e Dorneda, mentres que Nós tomará o relevo o martes 17 cunha tarde de animación e desfile.
En Dorneda, a cita será na Casa do Pobo desde as 17.30 horas, cunha proposta centrada na animación infantil e nunha merenda para recuperar forzas con produtos típicos como filloas, orellas e perritos.
Ese mesmo día, en Iñás, a Casa do Pobo acollerá unha tarde longa de Entroido. Entre as 18.00 e as 20.00 horas celebrarase unha festa de disfraces infantil con animación. Ás 20.00 horas chegará a VI Festa da Filloa, cun prezo de 5 euros por media ducia, e a partir das 21.30 horas haberá baile con actuación en directo de Claudia. A organización anima a acudir co ‘mellor disfrace’.
A programación continúa o martes 17 de febreiro na Praza da Liberdade (Nós). A actividade arrinca ás 17.00 horas con animación infantil, seguirá ás 18.00 horas cun desfile de disfraces e culminará ás 18.30 horas coa actuación do dúo Alba y Selu. Ademais, está prevista unha degustación de produtos tradicionais como filloas, rosquillas e orellas, así como o sorteo dun lote de Entroido.