Oleiros esixe á Xunta a reparación urxente do muro do colexio Juana de Vega

O Concello vén de enviar á Consellería de Educación un informe técnico solicitando a reparación inmediata dun muro do colexio Juana de Vega de Nós, que presenta un claro risco de caída e desprendementos. Os servizos municipais explican que é necesario actuar con cadea de urxencia para eliminar o perigo, sobre todo ante a previsión de chuvias e temporais que poderían agravar a situación.
Para protexer ao alumnado e ao persoal, a zona máis próxima ao muro foi balizada e acoutada, o que supón a limitación no uso do recinto: o horto escolar non poderá utilizarse e queda inhabilitada unha parte da zona de xogos ata que se resolvan as actuacións. O Concello subliña que estas medidas son temporais e están orientadas a previr riscos, ao tempo que agarda unha resposta áxil da Xunta para proceder canto antes á intervención.
Desde a corporación local insístese en que a prioridade é garantir a seguridade do centro educativo e minimizar as molestias para as familias, polo que pediron coordinación inmediata entre as administracións competentes para a supervisión, obtención de autorizacións e execución das obras necesarias.