Oleiros esixe á Xunta a renovación urxente da acometida eléctrica do CEIP Valle Inclán

O Concello de Oleiros requiriu á Xunta de Galicia a execución inmediata das obras para renovar a acometida eléctrica do Colexio Valle Inclán. Segundo explica o goberno local, a intervención é necesaria por motivos de seguridade e para evitar que tanto o centro educativo como o pavillón anexo queden sen electricidade.
O consistorio indica que a canalización actual presenta un deterioro importante provocado polas raíces de varias árbores. Esta situación, engaden, tradúcese en incidencias frecuentes durante os días de chuvia ou con elevados niveis de humidade, cando se producen perdas de subministración que complican o funcionamento normal das instalacións.
Desde o Concello sosteñen que o problema non pode prolongarse no tempo nin polo risco que supón nin polas necesidades diarias do colexio e do pavillón. Ademais, apuntan que, se por cuestións burocráticas a Xunta non pode acometer a obra de xeito inmediato, Oleiros está disposto a executala directamente, sempre que a Consellería de Educación asuma o pagamento con posterioridade.