Oleiros esixe a renovación do mobiliario no colexio de Santa Cruz e expedienta á empresa de limpeza

ACoruñaXa
O Concello reclama á dirección do Parga Pondal que inste á Xunta a substituír pupitres e mesas en mal estado e abre un expediente sancionador á concesionaria da limpeza polas deficiencias detectadas, sobre todo nas aulas de Infantil
OLEIROS aulas
11 Dec 2025

O Concello de Oleiros vén de denunciar o estado no que se atopa parte do mobiliario escolar do CEIP Parga Pondal, en Santa Cruz. Segundo explica o Goberno local, en varias aulas continúan en uso mesas e pupitres 'totalmente obsoletos e degradados', polo que insta a dirección do centro a cumprir coas súas obrigas e reclamar á Consellería de Educación a súa renovación inmediata.

O alcalde subliña a contradición que supón que o municipio reciba doazóns de mobiliario en bo estado procedente doutros colexios de Galicia para envialo a países con menos recursos, mentres nun centro do propio concello 'hai material que dá pena'. Nese sentido, insiste en que corresponde á Xunta dotar os colexios de equipamento axeitado e substituír o que se atope deteriorado.

Paralelamente, o Concello anunciou a apertura dun expediente á empresa concesionaria da limpeza dos centros de ensino público, ao considerar que non está a cumprir coas condicións recollidas no contrato. As deficiencias son especialmente graves, segundo o informe técnico municipal, nas aulas de Educación Infantil do colexio de Santa Cruz, onde se teñen detectado múltiples incidencias.

O Goberno local lembra que hai apenas unhas semanas asumiu con medios propios a renovación do pavimento destas aulas de Infantil, unha obra que correspondía á Xunta, pero que o Concello decidiu acometer 'porque os nenos e nenas merecían contar canto antes cunhas instalacións en mellores condicións'. Así mesmo, executouse a reforma da pista polideportiva do centro con fondos municipais.

Desde o Executivo municipal insisten en que, malia que a competencia en materia de ensino é autonómica e aos concellos só lles corresponde o mantemento menor, a Xunta raras veces actúa coa axilidade necesaria. Por este motivo, Oleiros vén realizando de maneira continua diferentes obras e melloras nos colexios a petición das direccións e das ANPA, co obxectivo de garantir o benestar do alumnado e unhas condicións dignas nos centros educativos.

⚙ Configurar cookies
0.078425168991089