Oleiros esixe á Deputación beirarrúas e máis anchura na estrada cara a Iñás

O Concello de Oleiros trasladará á Deputación da Coruña a necesidade de acometer melloras urxentes na estrada Oleiros-Iñás, onde o incremento da circulación asociado á actividade comercial do polígono de Iñás está a elevar a presión do tráfico.
Segundo indica o goberno municipal, a actuación prioritaria pasa por ampliar a calzada e habilitar beirarrúas na marxe esquerda, co fin de mellorar a seguridade e a mobilidade na contorna. O obxectivo é facilitar unha conexión máis cómoda e segura entre a capital municipal e o alto de Iñás.
A demanda non se limita ao acceso ao polígono comercial. O Concello sinala que estas obras tamén permitirían artellar unha comunicación peonil adecuada cara ao paseo fluvial do río de San Pedro, ampliando as opcións de desprazamento e itinerarios a pé na zona.