Oleiros e o COAG poñen en marcha un sistema para axilizar licenzas e expedientes urbanísticos

O Concello de Oleiros activou este 4 de febreiro un novo servizo tecnolóxico co que pretende simplificar e acelerar a tramitación de expedientes de obra e outras autorizacións urbanísticas. A mellora é posible grazas a un convenio de colaboración co COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia), que establece unha interconexión entre os sistemas de ambas entidades.
Co novo procedemento, ao consignar na solicitude municipal o código de expediente ou traballo do COAG (e sempre que os técnicos redactores o autorizasen previamente), o Concello poderá acceder á documentación técnica correspondente e incorporala directamente ao expediente. Isto permitirá descargar a documentación visada, tanto os ficheiros asinados como un PDF resumo que certifica que coincide co proxecto aprobado polo Colexio.
Segundo explica o Concello, o sistema facilita a revisión dos proxectos con máis comodidade e seguridade e tamén axuda a identificar con claridade as modificacións cando se presenta un proxecto revisado, o que contribuirá a reducir tempos e a axilizar a xestión administrativa. Nos casos de obra nova, o formulario xa está adaptado para este modelo, e a medida estenderase ás actuacións de menor entidade que tamén requiran proxecto visado.