Oleiros destina 97.000 euros en axudas para clubs e entidades deportivas

ACoruñaXa
As subvencións están dirixidas a asociacións sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Municipal e buscan fomentar o deporte de base e a participación en competicións
OLEIROS subvencions deportivas
20 Aug 2025

O Concello de Oleiros vén de abrir a convocatoria de subvencións para entidades deportivas locais sen ánimo de lucro, cun orzamento global de 97.000 euros que se distribuirán entre os colectivos solicitantes ao longo do ano 2025.

O obxectivo destas axudas é impulsar a práctica deportiva en todas as idades, con especial atención ao deporte de base. Ademais, preténdese apoiar o rendemento competitivo, promover a presenza en torneos de ámbito avanzado e dinamizar a actividade dos clubs e asociacións que traballan no municipio.

As entidades interesadas deberán estar inscritas no Rexistro Municipal de Entidades con anterioridade ao 31 de decembro de 2024. O prazo para presentar solicitudes remata o venres 22 de agosto e poderá facerse a través da Sede Electrónica do Concello.

Xunto a estas axudas económicas, o goberno local lembra que tamén ofrece apoio ás entidades deportivas mediante a cesión gratuíta de instalacións municipais e material de uso para a organización de eventos e competicións.

⚙ Configurar cookies
0.2878041267395