Oleiros dedica o parque de Nirvana a Rafael Astor Casalderrey polo seu legado no urbanismo e medio ambiente

O parque de Nirvana, en Oleiros, leva oficialmente o nome de Rafael Astor Casalderrey, enxeñeiro municipal e fillo adoptivo do Concello, tras celebrarse un acto institucional no que se descubriu unha placa en lembranza da súa figura.
O evento, presidido polo alcalde Ángel García Seoane, contou coa asistencia de membros da corporación municipal, representantes do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, compañeiros, familiares, amizades e veciñanza que quixeron renderlle homenaxe a este profesional que deixou unha fonda pegada no urbanismo e no medio ambiente local durante máis de dúas décadas.
Durante a súa intervención, o rexedor destacou a relevancia de Rafael Astor tanto pola súa contribución técnica ás políticas desenvolvidas polo Goberno municipal como pola súa dimensión persoal, resaltando o seu amplo coñecemento das artes e a súa defensa comprometida do medio natural.
Pola súa banda, Enrique Urcola, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, subliñou a honestidade profesional de Rafael Astor e o seu profundo respecto polas persoas e polo territorio, lembrando ademais a súa humildade e sentido do humor, que quedaban reflectidos na súa coñecida frase: “Eu non traballei en Oleiros, fixen que traballaba”.
Entre as actuacións urbanísticas máis relevantes lideradas por Astor Casalderrey no municipio destacan a recuperación das ruínas do Parque da Capela, a creación do Parque José Martí rehabilitando unha zona degradada, o parque da Lagoa de Mera reutilizando travesas de ferrocarril para preservar o medio natural, os paseos costeiros da Ría da Pasaxe e da Fábrica reconvertendo espazos en centros culturais, o Paseo e Parque das Galeras, o mantemento do paseo costeiro de Mera ou o balcón de Maianca.
O alcalde lembrou que o legado de Rafael Astor Casalderrey permanece vivo en cada espazo verde, senda ou paseo que define este Oleiros distinto, pensado para a veciñanza e integrado coidadosamente na súa contorna. Desde hoxe, o parque de Nirvana leva o seu nome como recoñecemento a esa contribución duradeira.