Oleiros conmemora o 8M cunha ampla programación de actividades

ACoruñaXa
Co obxectivo de visibilizar ás mulleres en profesións tradicionalmente masculinizadas
8m-oleiros
28 Feb 2025

O Concello de Oleiros desenvolverá ao longo de marzo unha serie de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller, 8M, poñendo en valor a presenza feminina en todos os ámbitos da sociedade e promovendo a igualdade de xénero. A programación inclúe obradoiros, encontros educativos, espectáculos infantís e iniciativas culturais, cunha guía completa dispoñible na páxina web municipal, no apartado de Igualdade.

Entre as propostas destacan os obradoiros ‘Coñecerse é vivirse’, centrados no autocoñecemento e a saúde feminina. O primeiro terá lugar os días 11 e 25 de marzo, mentres que o segundo, previsto para o 5 de abril, abordará o coñecemento do solo pelviano. A información sobre a inscrición e os horarios será difundida a través dos medios municipais habituais.

Co obxectivo de visibilizar ás mulleres en profesións tradicionalmente masculinizadas, o 6 de marzo celebrarase o ‘Encontro con mulleres Gardas Civís’ dirixido ao alumnado de secundaria dos institutos IES María Casares, IES Miraflores, IES Neira Vilas e o centro Hijas de Cristo Rey. Para facilitar a asistencia, o Concello de Oleiros porá a disposición dos centros un servizo de autobús.

As crianzas tamén serán protagonistas desta conmemoración. O 8 de marzo, o Teatro As Torres acollerá o contacontos ‘Os contos de Violeta’, con inscrición dispoñible a partir do 3 de marzo. O 14 de marzo, na Biblioteca Municipal Ánxel Fole, celebrarase a actividade ‘Contamos en Igualdade’, coa apertura de inscricións desde o día 10.

Ese mesmo 8 de marzo, o Concello publicará o vídeo manifesto ‘Semente de Vencer’ nas súas redes sociais e canles comunicativas. Gravado en diferentes puntos das parroquias de Oleiros e realizado en colaboración co tecido asociativo e a veciñanza, este proxecto busca reivindicar a loita pola igualdade. Ademais, como xesto simbólico, o Castelo de Santa Cruz iluminarase de cor violeta.

A programación completarase o 14 de marzo cun recital poético no Teatro As Torres, ás 20.30 horas. O espectáculo, titulado ‘Con nome de muller’, contará coa interpretación da actriz Chus Álvarez e a música en directo de Ángeles Dorrio, rendendo homenaxe á poesía escrita por mulleres.

 

⚙ Configurar cookies
0.20212388038635