Oleiros completa a compra dos terreos para a senda costeira entre Naval e Canide

O Concello de Oleiros xa é propietario da totalidade dos terreos necesarios na franxa costeira comprendida entre a praia de Naval e Canide para impulsar a construción dunha nova senda litoral ao longo deste ano. Segundo informou o goberno local, a administración tomou posesión de 29.631 metros cadrados repartidos en 61 parcelas, todas elas clasificadas como solo rústico, pola adquisición das cales abonou un total de 270.000 euros.
O proxecto prevé un paseo de 2,5 quilómetros que permitirá abrir á cidadanía un tramo de costa que ata o de agora permanecía en mans privadas. As obras, cun orzamento superior a 1 millón de euros, están previstas para iniciarse este mesmo ano.
Coa nova infraestrutura, o Concello busca crear un itinerario alternativo de carácter ciclopeonil entre Mera e Santa Cruz, seguindo o litoral de Dorneda. O obxectivo, segundo o executivo municipal, é avanzar cara a unha costa plenamente transitable a través de terreos públicos.
O alcalde, Ángel García Seoane, salientou o valor paisaxístico do ámbito e apuntou que a actuación dará continuidade aos tramos xa existentes cara Mera e cara Santa Cruz, incorporando un novo paseo ‘cunha paisaxe fermosísima’ que se executará integramente con medios municipais.