Oleiros celebra unha das edicións máis multitudinarias de Alfaroleiros

ACoruñaXa
A XXXI edición da feira encheu Santa Cruz de visitantes, vendas e tradición, consolidándose como referente da olería galega
OLEIROS exito alfaoleiros
11 Aug 2025

A XXXI edición da Feira Alfaroleiros pechou cun balance histórico, converténdose nunha das máis concorridas desde a súa creación. A afluencia desta edición foi constante, tanto en horario de mañá como de tarde, e todas as actividades paralelas contaron cunha alta participación. Alfaroleiros mantivo o seu papel como motor socioeconómico e turístico, atraendo a persoas que ademais da artesanía aproveitaron para gozar da gastronomía, a paisaxe e a hostalería local.

A magnitude das vendas quedou patente nun dato revelador: as 6.000 bolsas oficiais entregadas aos oleiros esgotáronse antes do final, o que confirma que se venderon milleiros de pezas. O artesán portugués Armando Moita Domingues recoñeceu que nos dous primeiros días despachou máis produtos que en toda a pasada edición.

Creada hai máis de tres décadas para apoiar a supervivencia dos obradoiros tradicionais nun momento de declive fronte a materiais como o plástico, a feira está hoxe plenamente consolidada como un evento esencial para a promoción da olería tradicional. O Concello de Oleiros mantén a súa aposta decidida por esta cita, que garante ás novas xeracións o contacto directo cun patrimonio que forma parte da identidade colectiva da vila.

⚙ Configurar cookies
0.57284784317017