Oleiros celebra a II Festa do Libro na Rúa con literatura e actividades para toda a familia

O domingo 27 de abril, o Parque José Martí de Santa Cristina converterase no epicentro da literatura galega coa celebración da II Festa do Libro na Rúa, unha cita organizada polo Concello de Oleiros e a libraría Mar de Letras que busca achegar a lectura a todos os públicos nun ambiente aberto, festivo e participativo.
A xornada, que se desenvolverá entre as 12.00 e as 19.30 horas, estará cargada de actividades culturais pensadas para pequenos e maiores. Dende contacontos e espectáculos teatrais, ata obradoiros de ilustración e concertos, o programa ofrece unha ampla variedade de propostas co obxectivo de dinamizar o interese polos libros e fomentar o contacto directo coas persoas creadoras.
As librarías do municipio —Mar de Letras, Paperazzi, Que me contas e Bolboreta— estarán presentes cun posto propio e aplicarán un desconto do 5 % nas súas vendas durante todo o día. Tamén participarán máis de trinta autores e autoras, tanto locais como vinculados á Asociación Galega de Escritoras e Escritores, que compartirán cos asistentes as súas obras, asinarán exemplares e participarán en lecturas abertas.
O público familiar poderá gozar de propostas como o contacontos Celia, una abejita feliz, interpretado por Hugo Dopazo con música de Ernesto Coello, ou o espectáculo Castelao, un corazón á intemperie, da compañía Fantoches Baj, pertencente á Rede de Dinamización Lingüística. Pola tarde, será a quenda de Historias para escagharriñarse, a cargo de Teatro Ghazafelhos, e do obradoiro de ilustración Herbas de San Xoán, dirixido pola ilustradora Aly Pacheco.
A programación completarase cun coloquio sobre a Xeneración Z e o seu vínculo coa literatura, así como cun concerto do Gabi Triana Quintet, que porá o ramo a unha festa que xa se consolida como unha cita clave no calendario cultural de Oleiros.