Oleiros busca o apoio da Coruña para crear unha liña de bus directa á Universidade

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou que solicitará unha reunión coa rexedora da Coruña, Inés Rey, para estudar conxuntamente a posibilidade de establecer unha nova liña de autobús entre Perillo e os campus universitarios da cidade. Esta proposta chega despois de que a Xunta de Galicia rexeitase as demandas formuladas polo Concello oleirense para mellorar o transporte público.
A proposta do Concello, presentada no pasado mes de novembro, consistía na creación dunha conexión directa entre Perillo e a Universidade da Coruña, cun servizo circular adaptado aos horarios de entrada e saída das aulas. O obxectivo é facilitar os desprazamentos ás máis de 800 persoas que, segundo datos da UDC, residen en Oleiros. A cifra real podería ser moito maior, xa que a Universidade só dispón de información de residencia de aproximadamente un terzo do seu alumnado.
Desde o Concello destacan que esta nova liña beneficiaría non só aos estudantes residentes en Oleiros, senón tamén a moitos outros procedentes doutras localidades, que poderían facer transbordo en Perillo para acceder aos campus.
“Non ten sentido que para desprazarse en bus á universidade os estudantes teñan que viaxar ata o centro da cidade para despois coller outro bus para ir á Universidade. Se verdadeiramente se pretende fomentar o uso do transporte público, reducir o coche privado e contaminar menos, débese dar resposta ás necesidades de mobilidade poñendo en marcha servizos que fagan viable e atractivo os desprazamentos”, sinalou García Seoane.
O Concello considera que a negativa da Xunta supón un freo á mellora da mobilidade metropolitana e confía en atopar apoio na administración coruñesa para avanzar nun modelo de transporte máis eficiente e sostible.