Oleiros arrincará en outubro a construción das primeiras vivendas cooperativas promovidas polo Concello

O Concello de Oleiros iniciará a comezos de outubro a construción das primeiras vivendas de protección social mediante cooperativas, un modelo impulsado pola administración local ante a ausencia de programas autonómicos que favorezan este tipo de promocións. As primeiras obras desenvolveranse en Perillo, onde se levantarán 21 pisos.
En novembro será a quenda de Xaz, con 94 vivendas previstas, mentres que no primeiro trimestre de 2026 comezará a edificación en Mera, que contará con 28 pisos, dos que aínda permanecen dispoñibles catro. En total, sumaranse 141 vivendas a prezos por baixo do mercado, destinadas a facilitar o acceso a familias do municipio.
Para facer realidade este proxecto, o Concello realizou a venda de tres parcelas de titularidade pública por un importe conxunto de 1,4 millóns de euros. Estes terreos foran obtidos de xeito gratuíto a través da xestión urbanística municipal, que busca garantir un crecemento ordenado e sostible. Así, ademais de promover vivendas accesibles, a administración local consegue recursos adicionais para reforzar os servizos públicos e impulsar novas obras no municipio.