Oleiros arrinca 2026 co programa ‘Oleiros vai de Museo’ cunha saída guiada á Casa Museo Picasso e á mostra ‘Compromiso coa arte’

O Concello de Oleiros dá comezo ao ano co programa ‘Oleiros vai de Museo’, que propón para o martes 13 de xaneiro unha saída cultural en horario de tarde con dúas visitas guiadas: á Casa Museo Pablo Picasso, na Coruña, e á exposición ‘Compromiso coa arte’. A inscrición inclúe o transporte en autobús e as visitas guiadas en ambos espazos.
As inscricións abrirán o 7 de xaneiro ás 10.00 horas e poderán facerse na sede electrónica do Concello ou de xeito presencial no departamento de Cultura do Centro Cultural A Fábrica, de 10.00 a 14.00 horas. O Concello oferta 30 prazas para persoas maiores de idade, con preferencia para as empadroadas en Oleiros.
A Casa Museo Picasso, inaugurada o 18 de decembro de 2002, é a vivenda na que Pablo Picasso residiu coa súa familia entre 1891 e 1895, cando era neno. O espazo conserva o ambiente dunha casa típica da ampliación coruñesa do século XIX e mantén mobles, obxectos e equipamento orixinais. No percorrido exhíbense reproducións de 33 obras, catro delas do pai do artista, e o resto realizadas polo mozo Picasso durante a súa etapa na cidade.
A segunda parada será a exposición ‘Compromiso coa arte’, que reúne 77 obras procedentes das coleccións de ABANCA e da Fundación Bancaja. A mostra ofrece un itinerario que vai das vangardas históricas á creación contemporánea, con pezas e autores como Picasso, Kandinski, Georges Braque, Scully, Equipo Crónica ou Juan Genovés, nunha proposta que busca o diálogo entre xeracións, estilos e sensibilidades.