Oleiros aproba solicitar a declaración de Alfaroleiros como Festa de Interese Turístico de Galicia

O pleno do Concello de Oleiros acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración da Feira de Olería Alfaroleiros como Festa de Interese Turístico de Galicia. Destacan desde o Goberno municipal que Alfaroleiros é un dos eventos culturais máis significativos e relevantes que teñen lugar no municipio. A feira, que avoga pola conservación, mantemento e divulgación do oficio artesanal da olería, está considerada como unha das máis importantes do seu sector a nivel nacional, axudando a promover a cultura galega e a dinamizar o sector artesanal do país.
Con respecto da concesión ao Concello de Oleiros por parte da Dirección Xeral de Costas, o Pleno acordou solicitar a esta a concesión dun total de 662,38 m² que se corresponden coa senda peonil existente entre o Paseo Marítimo de Santa Cruz e o Parque As Galeras, o propio muro dique proxectado e o Paseo Marítimo de Santa Cruz. Desde o Goberno municipal sinálase a imperiosa necesidade de intervir por vía de emerxencia ante a necesidade de actuación polo risco e perigo que supón a situación de desprendementos na zona, dada a grande afluencia de persoas usuarias na senda e paseo marítimo.
Neste plenario tamén se aprobou a participación na convocatoria da Dirección Xeral de Fondos Europeos, no marco do desenvolvemento urbano sostible con cargo ó Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no período de programación 2021-2027. O Concello de Oleiros solicita un total de 8,9 millóns de euros que serán investidos na reforma integral do Mercado Municipal de Perillo e a súa contorna, o Castelo de Santa Cruz, a fachada marítima de Santa Cristina, a biblioteca central Rialeda e o multiusos de Bastiagueiro. Trasladan desde o Concello que todos os grupos votaron a favor agás o PSOE.