Oleiros aproba instar á Xunta a reactivar a vía Ártabra ata a AP-9, co voto en contra de PSOE e BNG

O Pleno do Concello de Oleiros aprobou a proposta do Goberno local de Alternativa dos Veciños, unha moción para esixir á Xunta de Galicia que retome con urxencia os trámites necesarios para a conexión da vía Ártabra coa AP-9, no tramo entre Iñás e A Gándara. A iniciativa saíu adiante malia os votos en contra do PSOE e o BNG.
O acordo plenario inclúe tamén unha demanda para que a Xunta inicie a redacción do proxecto que permita prolongar a vía ata a autovía A-6, unha vez aprobado o enlace coa AP-9.
Desde o Goberno local insisten en que a comarca da Coruña sofre un “importante déficit de infraestruturas viarias e de transporte público” axustados ás necesidades reais de mobilidade, tanto da cidadanía como do tecido empresarial. Nese contexto, consideran a vía Ártabra unha peza esencial para modernizar a mobilidade metropolitana, ao conectar directamente concellos como Cambre, Bergondo, Sada, Oleiros, Culleredo, Arteixo e A Coruña coa AP-9, a A-6 e outras vías principais.
Segundo defenden desde Oleiros, esta infraestrutura tamén permitiría “desconxestionar a rede viaria metropolitana”, en especial puntos críticos como a Costa da Tapia en Cambre, a estrada da costa de Sada e Oleiros, ou a ponte da Pasaxe.
Na sesión plenaria, o executivo municipal criticou duramente os atrasos na execución da primeira fase da vía Ártabra, que segundo lembran, xa estaría operativa “de non ser polo anterior Goberno de Cambre que atopou un subterfuxio legal para que a xustiza paralizase a obra por erros administrativos cometidos polo Goberno autonómico bipartito”.
Tras máis de catro anos desde aquela sentenza, desde Oleiros consideran inxustificable que a Xunta non teña reiniciado os trámites. E lanzan unha advertencia clara: “Intereses persoais de representantes políticos de Cambre, mentalidades localistas, cálculos electoralistas ou discursos demagóxicos dalgúns grupos políticos non poden frear durante máis tempo unha infraestrutura supramunicipal clave para o progreso da comarca da Coruña no seu conxunto, máis se cabe co grave problema de mobilidade existente na área metropolitana máis importante de Galicia”.