Oleiros aposta por un Nadal elegante con iluminación en puntos estratéxicos do municipio

O Concello de Oleiros celebrará as festas cun Nadal sobrio e coidado, no que se priorizará a iluminación de rotondas e de árbores senlleiras en distintos puntos do municipio, xunto cun amplo programa de lecer familiar. O goberno local salienta que a dispersión poboacional e a diversidade urbana do termo municipal fan economicamente desproporcionado iluminar rúas completas, polo que se opta por intervencións puntuais de maior impacto visual.
A programación inclúe pista de xeo, atraccións de Nadal, obradoiros temáticos, concertos, xogos e a tradicional cabalgata de Reis. As entidades veciñais tamén contribuirán a crear ambiente festivo con actividades propias e iluminación de espazos e elementos públicos.
O arranque oficial será o venres 28 de novembro coa apertura da pista de xeo na Pista Polideportiva da II República, en Perillo. Na primeira semana de decembro instalaranse atraccións de Nadal a prezos populares na praza Esther Pita, en Santa Cruz, que ademais acollerá ao longo de todo o mes obradoiros de artes plásticas vencellados a estas datas, animación infantil e diversas actuacións musicais.