Oleiros amplía a súa oferta ao público nos seus espazos culturais durante a Semana Santa

O Concello de Oleiros reforza a súa oferta cultural e turística durante a Semana Santa coa apertura de varios dos seus espazos máis emblemáticos, ofrecendo unha oportunidade única para veciñanza e visitantes de mergullarse na historia, a natureza e a tradición local.
A Aula do Mar de Mera, situada entre os icónicos faros e porta de entrada ao Monumento Natural Costa de Dexo e Serantes, amplía o seu horario de atención ao público do 16 ao 20 de abril. Estará aberta en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas. No seu interior, os visitantes poderán desfrutar dunha exposición interpretativa permanente sobre este espazo natural protexido, acceder a miradoiros con vistas privilexiadas e recibir información sobre rutas de sendeirismo e boas prácticas ambientais na contorna.
Tamén a oficina de turismo de Santa Cristina ofrecerá servizo nos mesmos horarios, dando apoio ás persoas que escollan Oleiros como destino de lecer nestas datas.
Ademais, o Museo Os Oleiros, que acolle a maior mostra de olería tradicional da Península Ibérica, e o Castelo de Santa Cruz, sede das Salas de Exposicións Municipais, manterán as súas portas abertas no seu horario habitual, de martes a sábado, de 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas. No castelo poderanse visitar dúas interesantes exposicións: “EnsambleIsaac”, unha homenaxe á figura do artista e intelectual galego Isaac Díaz Pardo, e “Obxectomanía: Unha historia singular do coleccionismo”, que achega ao público a fascinación polo obxecto como memoria e relato persoal.