Oleiros actualiza varias taxas e impostos municipais cun incremento ligado ao IPC pero mantén conxelados lixo e auga

O Concello de Oleiros anunciou unha actualización dalgunhas das súas taxas e impostos municipais co obxectivo de asegurar o mantemento da calidade dos servizos públicos. O goberno local explica que a medida busca evitar unha suba máis forte no futuro e que se axusta ao incremento interanual do IPC, situado no 2,7%.
O Executivo municipal destaca que nin o recibo do lixo nin o da auga van ter variación, e polo tanto ambas facturas continúan conxeladas. Pola contra, está prevista unha suba do 2% no IBI e dun 2,7% no IVTM (o coñecido como ‘rodaxe’ dos vehículos). Tamén se actualizarán as taxas administrativas cun incremento do 0,5%, a mesma porcentaxe na que medraron os salarios do persoal funcionario.
En canto ao ICIO —o imposto sobre construcións, instalacións e obras—, o tipo impositivo mantense no 3,5%. O que si varía é a base impoñible, co fin de adaptala aos prezos actuais do sector da construción, que experimentaron un forte encarecemento.
O Concello subliña que se conservarán todas as bonificacións fiscais vixentes e que se continuará prestando apoio ás familias en situación económica grave. Afirmase que este axuste fiscal é necesario para soste-lo modelo de benestar municipal: segundo o goberno local, prestar servizos públicos de calidade require financiamento real e estable, e calquera discurso que negue isto é, din, ‘demagoxia’ ou unha forma indirecta de cuestionar o modelo social de Oleiros.