Oleiros activa unha ruta familiar Da Fraga aos Muíños en Mesía dentro do programa Andares por Galicia

O Concello de Oleiros organiza para o sábado 11 de outubro unha nova saída do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, cun formato familiar e itinerario Da Fraga aos Muíños-Mesía. A ruta partirá de Brañas de Valga (Mesía) e rematará en Ponte Carballa (Mesía), cun percorrido de 7 km e dificultade baixa, pensado para compartir en familia e gozar do medio natural.
Ao longo do traxecto visitaranse puntos de interese como Brañas de Valga, Fraga de Areosa, paisaxes agrarias e forestais, os Muíños de Queiroa, o Batán e A Cubela; tamén as aldeas da Carballa e Leborís, a carballeira de Santo Antón, a área de lecer de Ponte Carballa e o río Samo. A xornada pecharase cunha visita cultural á granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda ou á Aula da natureza Brañas de Valga, en función da organización.
A actividade persegue divulgar os valores naturais, sociais e culturais do territorio, ao tempo que promove a convivencia, a socialización e hábitos saudables de ocio ao aire libre. Contará con 3 guías especializados/as e 40 prazas, cun prezo público de 23 euros para persoas adultas e 6 euros para menores nas rutas familiares.
As rutas familiares están dirixidas a núcleos familiares nos que poidan participar menores que cumpran como mínimo 6 anos no ano da actividade, acompañados de pai/nai ou titorado legal. Para inscribirse é preciso, como mínimo, unha persoa menor e unha proxenitora ou titor/a.
As preinscricións realizaranse preferentemente a través da web municipal no enlace habilitado a partir do martes 30 de setembro ás 10.00 horas. Se non é posible facelo en liña, poderá formalizarse na Fábrica en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas. A adxudicación das prazas farase por orde de inscrición, con preferencia para persoas empadroadas en Oleiros.