Oleiros activa este domingo o sistema ORA nos aparcadoiros das praias durante todo o verán

O Concello de Oleiros poñerá en marcha este domingo, 1 de xuño, o sistema de cobro por estacionamento en varios dos aparcadoiros situados nas inmediacións das principais praias do municipio. A medida afectará ás zonas de Santa Cristina, Bastiagueiro, Santa Cruz, Naval e Mera, e estará vixente durante toda a tempada estival, ata o 15 de setembro, todos os días da semana, en horario continuo de 12.00 a 20.00 horas.
A ordenanza regula tarifas que van desde os 0,70 euros por unha hora de aparcamento ata os 5,50 euros por unha xornada completa. Ademais, ofrécense opcións intermedias como 1,50 euros por dúas horas, 2,50 euros por tres ou 3,50 euros por catro horas.
Con esta iniciativa, o Goberno local busca favorecer unha mobilidade máis racional e reducir o uso excesivo do vehículo privado nas contornas costeiras, especialmente en momentos de gran afluencia como as fins de semana e as tardes soleadas. Segundo explica o Concello, a medida pretende garantir unha distribución máis equitativa e eficiente do espazo público dispoñible, nun contexto no que o solo é limitado e a demanda de aparcamento se dispara durante o verán.
Os parquímetros instalados permiten o pagamento mediante tarxeta bancaria ou teléfono móbil, e tamén a través da aplicación easypark. A identificación do vehículo faise por matrícula, polo que non é necesario deixar o resgardo no parabrisas. Esta tecnoloxía tamén facilita a anulación das posibles denuncias dun modo máis áxil e seguro.