Oleiros acollerá as semifinais e finais da XXXIII Copa Deputación de Fútbol Afeccionado

A sede da Deputación da Coruña foi escenario do sorteo oficial da XXXIII Copa Deputación de Fútbol Afeccionado, unha das citas deportivas máis destacadas da provincia. O evento contou coa presenza do deputado de Deportes, Antonio Leira; o alcalde de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane; o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, José Luis Villamisar; o seu secretario xeral, Diego Batalla; o alcalde de Dumbría, Raúl González; e representantes dos equipos participantes.
Este ano, a competición disputarase en formato de sede única no campo municipal da Marola, en Dexo (Oleiros), reunindo os equipos campións das catro grandes zonas da provincia: A Coruña, Costa da Morte, Ferrol e Sar.
As semifinais femininas están programadas para o domingo 22 de xuño, ás 10.30 e 12.30 horas, mentres que as semifinais masculinas xogaranse esa mesma tarde, ás 17.00 e ás 19.30 horas. As finais terán lugar o domingo 29 de xuño pola mañá, ás 10.30 a feminina e ás 12.30 a masculina, cun horario pensado para evitar as horas de maior calor e facilitar a loxística do evento.
O sorteo deixou cruces de gran interese. En categoría feminina, o Victoria CF enfrontarase ao Dumbría, mentres que a S.D. O Val medirá forzas coa EFM Concello de Boiro. Na categoría masculina, o Galicia de Mugardos xogará contra o Atlético Coruña Montañeros e a S.D. Negreira contra o Dumbría CF.
A Deputación destina un total de 24.000 euros en premios para esta edición: 5.000 euros para os equipos campións, 4.000 para os subcampións e 1.500 para cada un dos semifinalistas.
Durante o acto, o deputado Antonio Leira salientou que se trata dun “torneo emblemático”, que chega á súa 33ª edición en categoría masculina e á 6ª na feminina. Subliñou tamén a importancia de apoiar tanto o deporte afeccionado como o de base, e agradeceu “ao Concello de Oleiros a súa colaboración para acoller esta copa das copas”.
Pola súa banda, o alcalde Ángel García Seoane animou a clubs e afección a aproveitar estas dúas fins de semana de fútbol en Dexo e a descubrir todo o que Oleiros pode ofrecer durante a celebración do evento.