Oleiros acolle unha charla sobre acollemento familiar da man da asociación ACOUGO

ACoruñaXa
A actividade ten como obxectivo achegar á veciñanza de Oleiros a realidade do acollemento familiar
oleiros-familias
1 May 2025

O Concello de Oleiros, a través do Programa de Familias Inquedas, impulsa unha nova actividade de sensibilización en colaboración coa asociación ACOUGO, centrada no acollemento familiar como ferramenta fundamental para o benestar da infancia. A cita será o xoves 8 de maio ás 18.30 horas no auditorio das Torres de Santa Cruz.

Baixo o título “O acollemento familiar: unha oportunidade para a rapazada no sistema de protección”, a charla será impartida polo equipo técnico da ONG ACOUGO, entidade de referencia na defensa dos dereitos das persoas menores de idade que forman parte do sistema de protección á infancia.

A actividade ten como obxectivo achegar á veciñanza de Oleiros a realidade do acollemento familiar, explicando os programas que desenvolve ACOUGO e as distintas vías de colaboración que a cidadanía pode emprender para contribuír á protección e coidado de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade. “O acollemento é unha oportunidade para construír referentes e vínculos seguros que impactan de forma positiva no desenvolvemento da infancia”, destacan desde a organización.

A asistencia á charla é libre e non require inscrición previa. Ademais, o Concello porá a disposición das persoas asistentes un servizo de conciliación para facilitar a participación, que poderá solicitarse previamente chamando ao 622 672 188 ou escribindo a info@acougo.gal.

 

⚙ Configurar cookies
0.15936517715454