Oleiros acolle a representación de 'Un Deus Salvaxe' de Talía Teatro

O sábado 29 de marzo, ás 20.30 horas, o Auditorio Gabriel García Márquez será o escenario da obra teatral 'Un Deus Salvaxe', da compañía Talía Teatro, baixo a dirección de Artur Trillo.
A obra, escrita por Yasmina Reza, presenta unha comedia cargada de tensión na que un encontro violento entre dous rapaces se converte no detonante dun conflito entre os seus pais. O que comeza como un intento de resolver pacificamente a situación remata por revelar as contradicións e frustracións dos adultos, facendo emerxer prexuízos, hipocrisías e conflitos persoais nunha espiral de descontrol e ofensas. A montaxe pon sobre as táboas unha visión ácida e irónica das relacións sociais e familiares.
O elenco está formado por Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez e Dani Trillo, que dan vida a uns personaxes marcados polas súas propias inseguridades e pola educación e status social que arrastran. Cunha duración de 85 minutos, 'Un Deus Salvaxe' está dirixida a un público adulto a partir de 13 anos.
Esta representación enmárcase dentro da programación cultural do auditorio, apostando por obras que, ademais de entreter, convidan á reflexión sobre o comportamento humano e as súas contradicións.