Oleiros acolle a Festa das Familias de Aspronaga, un encontro a prol da inclusión social

O concello de Oleiros foi escenario da tradicional Festa das Familias organizada por Aspronaga no seu centro de Lamastelle. Centos de persoas reuníronse nunha xornada de convivencia que puxo o foco na inclusión, a igualdade de oportunidades e o recoñecemento ao labor das entidades sociais.
A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou no acto e quixo destacar o papel esencial que Aspronaga leva desenvolvendo dende hai décadas no acompañamento e apoio ás persoas con discapacidade intelectual. A entidade, subliñou, é un exemplo do compromiso social co avance cara a unha sociedade máis xusta e accesible para todas as persoas.
Durante a súa intervención, Mar García incidiu na importancia de continuar apoiando o traballo das asociacións que promoven a autonomía e a inserción laboral das persoas con diversidade funcional. Así mesmo, tivo palabras de agradecemento para o conxunto do equipo humano que fai posible a actividade diaria da entidade: “o labor do persoal técnico e voluntario da entidade e o exemplo das familias que loitan por un futuro máis inclusivo e por unha sociedade mellor”.
A Festa das Familias, xa consolidada no calendario anual de Aspronaga, serviu tamén para visibilizar os retos pendentes na atención á discapacidade, poñendo en valor os logros acadados e reforzando os lazos entre a comunidade educativa, asistencial e as familias.
Nun ambiente festivo e de participación, a xornada reafirmou o papel clave que xogas entidades como Aspronaga no tecido social de concellos como Oleiros, impulsando valores de solidariedade, inclusión e respecto pola diversidade.