Oleiros acelera novos asfaltados en rúas e camiños tras os atrasos provocados pola chuvia

O Concello de Oleiros retomará nos próximos días distintas obras de asfaltado que tiveron que ser adiadas polas continuas e intensas precipitacións das últimas semanas. O goberno local explica que executar estes traballos con exceso de chuvia reduciría de maneira notable a durabilidade dos pavimentos, polo que se optou por agardar a unhas condicións meteorolóxicas máis favorables.
As actuacións máis inmediatas centraranse nun tramo da rúa Lucín, así como en Salvador de Madariaga e Álamos, co obxectivo de rematar a obra de reurbanización desta contorna. O Concello advirte de que estes traballos obrigarán a realizar cortes de circulación, que estarán debidamente sinalizados.
Ademais, xa están aprobados novos asfaltados na avenida Miguel Hernández e nas rúas Charry, Pousada, Anduriñas, Lagarteiras, Avogadas, Benito Vicetto, do Campo, Lourido, Cruceira e Areosa, esta última de maneira completa. O executivo local engade que nas vindeiras semanas contratarase un novo paquete de obras de pavimentación en rúas e camiños de todas as parroquias.